Crecen os residuos electrónicos: case 45 millóns de toneladas en 2016

En 2016, os aparellos eléctricos e electrónicos refugados xeraron 44,7 millóns de toneladas de residuos

Aeb3ddde42fdf3675730458dd509cd35ba7f819d
En 2016, os aparellos eléctricos e electrónicos refugados xeraron 44,7 millóns de toneladas de residuos, ou o equivalente a nove pirámides de  Giza. Os expertos calculan que para 2021 o problema crecerá aínda máis: excederemos os 50 millóns de toneladas de residuos electrónicos, alerta Nacións Unidas no seu último informe.

En 2016, tan só o 20% dos residuos electrónicos foron colleitados e reciclados, a pesar de que contiñan ricos depósitos de ouro, prata, cobre, platino,  paladio e outros materiais de gran valor para ser reutilizados, subliña a análise «Global E- waste Monitor 2017» elaborado polo programa Ciclos Sustentables da Universidade das Nacións Unidas ( UNU). O estudo, concretamente, calcula que o valor dos materiais  reutilizables contidos neste tipo de residuos superaría os 55.000 millóns de dólares, máis que o produto interior bruto (PIB) da maioría de países do mundo.

Os países que máis refugallos electrónicos xeran son Australia e Nova Zelanda, con 17,3 quilos por persoa. O continente americano xerou 11,6 quilos de residuos electrónicos por habitante en 2016 e só reciclou o 17%, un rexistro parecido ao de Asia (15%). Con todo, o continente asiático xera tan só un terzo dos residuos por habitante.

Que aparellos son os que xeran máis residuos?

Os aparellos pequenos, como  aspiradoras, microondas, equipos de ventilación,  tostadoras, máquinas de afeitar eléctricas, calculadoras, radios, cámaras de vídeo e xoguetes eléctricos, por exemplo, xeraron 16,8 toneladas de residuos en 2016. E espérase que para 2020 esta cifra creza un 4% cada ano.

Os aparellos grandes, pola súa banda, como lavadoras, secadoras,  friegaplatos, fornos eléctricos, impresoras e paneis fotovoltaicos xeraron 9.2 toneladas de residuos en 2016, cuxo crecemento anual ata 2020 estímase, tamén, nun 4%.

Os aparellos denominados de «cambio de temperatura», onde destacan as neveiras, conxeladores, aires acondicionados e quentadores, xeraron 7,6 toneladas de residuos en 2016, e calcúlase que crecerán un 6% anualmente.

Por último, os aparellos de telecomunicacións pequenos, como móbiles, computadores, calculadoras ou sistemas de  GPS, entre outros, xeraron case 4 toneladas de residuos en 2016, cun crecemento proxectado do 2% cada ano.

Reciclar, reutilizar e reparar

Un dato optimista, apunta Nacións Unidas nunha nota, é que cada vez máis países están a aprobar leis para a reciclaxe de residuos electrónicos e eléctricos. Actualmente son 67 os países comprometidos co problema da acumulación de refugallos electrónicos. Pero «queda moito por facer», explican os autores do informe: tan só 41 países cuantifican os residuos que se xeran e reciclan oficialmente. O paradoiro da maioría dos refugallos (34 toneladas de máis de 44) segue sendo descoñecido.

O paradoiro do 77% dos residuos electrónicos segue sendo descoñecido

Nos países onde non existen regulacións sobre residuos electrónicos este tipo de refugallo trátase a miúdo como calquera outro residuo, causando graves riscos ao medio ambiente e á saúde das persoas á hora de manexar os materiais tóxicos dos aparellos, así como consecuencia da extracción de recursos valiosos como o cobre ou o ouro por grupos informais que non ofrecen proteccións aos seus traballadores, denuncia Nacións Unidas. Desde o organismo internacional avogan por que se mellore o deseño dos compoñentes nos aparellos electrónicos e eléctricos para que resulte máis fácil reciclalos. E por que se reutilicen os equipos vellos.

Vía: abc
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando